Antela Cid e Antón Reixa estrean na Cidade da Cultura MÍTICAS PERO SECUNDARIAS.
Antela Cid e Antón Reixa estrean o 23 e 24 de febreiro ás 20:30h no Edificio Fontán da Cidade da Cultura este espectáculo en espazo non convencional, producido por CRÉMILO co Centro Dramático Galego e A Cidade da Cultura dentro do programa Clásicas desfeitas vol. X e XI do CDG e as residencias artísticas do Gaiás, REGA24 CDG-Cidade da Cultura.
Un díptico contemporáneo inspirado polo complexo de Polícrates e as persoaxes de Ismene, Crisóteme e Políxena.
Un espectáculo único e duplo, dúas pezas independentes pero complementarias, clásicas pero contemporáneas. “A infeliz felicidade e o prezo do aceite” de Antón Reixa e ”Tres somos ti” de Antela Cid.
“A infeliz felicidade e o prezo do aceite” de Antón Reixa
Antón Reixa, autor, director e intérprete da primeira parte do espectáculo, amosaranos como foco principal da súa creación o complexo do heróe Polícrates – medo ao éxito?, sentimento de fracaso ao acadalo?.
Este non tan comunmente coñecido complexo ten moito do galego, e como maior expoñente do mesmo podería estar Rosalía de Castro, e a súa obra.
Dende este punto de partida, Antón desenvolverá interesantes ideas con valiosas colaboracións presentes a través de audiovisuais para sorprendernos nos obxetivos e devires da súa persoaxe.
”Tres somos ti” de Antela Cid
Antela Cid xogará a segunda parte deste díptico. Será a propia actriz a creadora da dramaturxia,sendo ela mesma a autora dos textos, da proposta escénica e da súa dirección interpretativa que levará a escena.
Baseándonos en tres mitos gregos femininos: Ismene, Crisóteme e Políxena crearemos unha proposta actual onde teñen cabida textos teatrais e poéticos de Antela Cid e así coma temas musicais contemporáneos.
Tres historias invisibles de mulleres invisibles, que ben podían ser unha ou cada unha de nós, na antigua Grecia ou en calquera parte do mundo. Un berro individual e colectivo coa intención de camiñar cara un mundo mellor onde a desigualdade non teña cabida.
O resultado será unha peza inspirada nos clásicos gregos pero pasada pola peneira do imaxinario de Antela Cid por primeira vez creadora total neste acto dentro das artes vivas.